Monday 29 de April de 2024

Aumento da funcionalidade e da privacidade grazas á reforma da planta baixa do concello


• A mellora principal é para a área de Servizos Sociais, que agora pode atender aos usuarios e usuarias en salas pechadas.

A planta baixa do edificio do Concello de miño xa loce unha nova cara tras finalizar os traballos de reforma executados co obxectivo de aumentar a funcionalidade das dependencias municipais, asegurar a privacidade na atención ao público e gañar en eficiencia.

As obras consistiron na demolición do tabique central para crear un espazo aberto e diáfano que facilita o acceso ao ascensor e escaleiras. Ademais, creáronse espazos propios para cada departamento: Cultura e Deportes, Emprego, Xulgado de Paz e Servizos Sociais. Solucionouse así a incómoda situación que se daba anteriormente cando as diferentes áreas compartían a mesma sala de espera e o mesmo espazo de traballo, sobre todo no caso de Servizos Sociais, que agora pode atender aos usuarios e usuarias en salas pechadas e coa intimidade e privacidade que requiren certas consultas.

Esta renovación estrutural e organizativa tamén atende ás demandas do persoal, que agora ven melloradas as súas condicións laborais. Ademais, conséguese dar unha imaxe máis moderna ás instalacións, coa instalación de portas de cristal con vinilos nos que se referencia a área en cuestión que ocupa cada despacho.

Tras a adecuación da terceira planta para o departamento de Urbanismo (o que xa permitiu a incorporación dun segundo arquitecto) e a consecuente nova distribución da área de Rexistro e Secretaría, esta obra dá fin á reorganización do edificio iniciada en 2019 que perseguía dotalo das mellores condicións tanto para atender ao público como para o traballo do persoal, sen esquecer a posibilidade de manter a distancia social imposta polo COVID.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destaca que “ ademáis do eido estético, esta era unha actuación moi necesaria a nivel operativo xa que a situación anterior non era lóxica. Había ocasión nas que, por poñer un exemplo, compartían espazo físico persoas facendo trámites en Deporte ou Cultura con outras sendo atendidas por Servizos Sociais ou Emprego, coas moi diferentes connotacións de cada caso”.